miércoles, 23 de diciembre de 2009

microQonto · Border (Francisco López Salmerón)

...Aínda sinto o renxer da madeira e o asubío do vento anunciando o temporal antes de resgardármonos no soto, coma entón. E o cheiro, o fedor da humidade. A guerra coóusenos na vida como por unha porta abarculada entre a luz do verán a media tarde, cegándonos os ollos.
Meu pai nunca deixou recompor unha soa táboa daquela casa. Raquel, miña irmá máis nova, e mais eu, medramos coa ferida do sensentido aberta para sempre até que puidemos marchar, fuxindo dese tempo, da casa e de meu pai, ancorado para sempre naquel buraco da memoria por onde, antes ca nós, fuxira a miña nai e, moito antes, todas as ilusións que algún dia tiveran, as que nunca sentimos...


Francisco López Salmerón
"Gosto de escribir e escribo, entrei un dia nun blog dunha amiga e agora ando todo o tempo a matutar sobre como alimentar este bicho. Ten que ser un vicio, ten que ser, pero agradable, como outros moitos que me veñen a boca neste mesmo instante. Dedíco máis de media vida a ver, a outra media vaiseme entre dormir e tentar reflexar o que vexo."




A imaxe foi tomada de shorpy.com
Ler todo o microQonto...

miércoles, 2 de diciembre de 2009

microQonto · Os nove segundos en que fun líder de masas (María Alonso Seisdedos)

Noutrora os días corrían nunha andadura de trote, non coma estes do meu hogano, que rin do galopar en queixada arregañada, máis de ás estendidas en modalidade de caza bombardeiro, fulminantes. Entón como agora, iso si, era eu de mallar camiños despexados, seguido, nada de conformar vulto de multitudes, sempre á procura do ángulo que permitise a perspectiva e a distancia: ver de lonxe, tocar nada. Despois de estudar nun colexio mixto, chegou o tempo de ser grande sen potestade en decisións. Aí entrei no instituto feminino por taxativa orde, meus pais en confabulación cos veciños, que tiñan unha filla do meu tempo, que así seriamos amigas, inpersuadíronme, podiamos ir e vir xuntas. Conclusión: nunca lle falei, menos a acompañei nos pasos; tamén non me lembra o nome, tal foi a teimosía con que a neguei, nin lle dando de ar aparencia, nada. Rillábame a rabia sabéndome separada dos compañeiros todos da infancia: dez anos de vida enteira son para expulsalos do maxín desrazoadamente? Non deberan. Pois dos catorce que chegaramos en piña até o oitavo da Básica, eu era a única que ía desterrada para o imperio das bragas. En vinganza, desentendinme da matrícula, tren de verán á meseta e meu tío recolléndome na estación de Medina del Campo, el recitando ao volante os nomes dos lugares todos, de cor, para min quilómetros que nunca terminaban, e cantándomos a dúo de disco riscado porquenongrasolosejes... En troques, miña nai, debruzada sobre o impreso, Cross dourado de punta media (azul) na man, agasalloume na elección da única optativa, marcando ben o x no cadro de dibujo, qué nin mis labores nin que tal tarabelo a estas alturas de século!

Pero chegar, chegou o outono, tróuxome o tren de volta, e non quedou outra. Atravesei a porta de vidro, que as nove en punto quedaba trancada até a hora da saída, e sobrevín até ao medio día, sinal de que non se morre por capricho, senón polas circunstancias. Por exemplo, de alí a dous meses, morreu de morte morrida o guicho que saía no NODO con voz de pito inaugurando pantanos, por máis que algúns o entubaron e xa, no rigor mortis, pretenderon mantelo embalsamalo coa man en alto dacabalo no ventimperio das prazas. Non é nimio este pormenor do morto, que viviu matando na realidade del, entanto outros en soños o mataban, no caso que vin para contar: a revolución pequena de tons políticos e hormonas á solta, a causa última. Pois como digo e repito para mentes amoucadas que desatenden sutilidades, no instituto feminino a porta barrábase e trancábase dando as nove cero cero, que non había alumna viva que saíse de alí até a unha e media, fóra caso grave propio ou alleo debidamente xustificado. E outro tanto á tarde, só variando o fechar e abrir na numeración das horas. Deducíase de aí agravio comparativo co colindante centro, o instituto masculino, que ninguén diría que tiña portas, os rapaces entraban e saían no recreo coma moscas, ao albedrío deles, e nós a chinar desde a vidrada, embazándoa, nun disimular de babas e quen puidera.

Pero chegar, chegou tamén a primavera. Alteráronse na desmedida exacta os estróxenos —isto é, rebordantes— e acirrouse unha revolta, a lume lento, bulideiro, no remusmús de falares calados, que nin se prevían zapatófonos de dominio público e popular a curto nin medio prazo, tanto menos esemeseando os dedos. E houbo xuntanza no vestíbulo, balbordo de opinións tras as mans que pedían vez, as aulas baleiras e os pupitres no seu sitio, coma petos, forretas no bater das tapas, calados.

—A porta aberta! —berrabamos a consigna, coro de adolescencia en timbre soprano—. Abaixo a represión!

Catedráticas e catedráticos en severa mirada e persignados peitos, os penenes aplaudindo o maio en abril demediado. Alborozo disfrazado en xesto ríspeto: a cousa era seria. Pero a porta non se abría e a asemblea proclamou unánime, reprobando as poucas voces contrarias, tan contrariadas: que ao día seguinte, na hora de entrada, non se entraba, nin tras as nove badaladas.

Aí xa logo logo veu a noite, que transcorreu escura coma calquera outra, pero esvarando por desvaríos: filas e filas de rapaces, atlético o porte e o músculo moldeado, de ás estendidas, digo brazos, para recibiren as raparigas liberadas, por fin, da tiranía, no día de autos... Seica se me cruzara no medio a imaxe conxelada dalgún filme de mariñeiros tristes, recrutados nos barrios da fame, a entrar polo rego da disciplina á morte pola patria de estómago, cando menos, satisfeito.

A mañá amenceu fresca, de ceo claro, e eu saín da casa camiño do instituto coa chaqueta de oitos azul escura que me calcetara miña nai, de lá suave que non picaba, os libros no portavultos da bici, fixíndose imprescindibles en día de folga programada, no seu papel de inxenuos. Arremuiñadas as raparigas fronte ao van das portas abertas, coraxe medrado na comuñón de grupo armándose, e non se entra, que non. Eu, nun aparte, contemplando a fotografia que ninguén tirou (total para que?, se nin o iutú existía). Tan, tan, tan... as badaladas no reloxo do Santirene acompasaban os latexos no peito de cadaquén, silencio mudísimo de expectación, dedos recluíndose en puños de puros nerviosss... as portas fechándose, inclementes, no tan derradeiro, nove cero cero.

—A porta aberta! —berrabamos a consigna, coro de adolescencia en timbre soprano—. Abaixo a represión! A porta aberta! Abaixo a represión! A porta aberta! Abaixo a represión!

Así como quecía a mañá quecía o ambiente, fervéndome na cabeza unha aduanada parva. ‘Perai aí, dixen, que ides ver. Quitei a chaqueta azul de oitos de lá suave que nin picaba e envurulleina arredor do brazo. Arrimeime ao coro de voces gritantes, abrinme paso serpeando o brazo envurullado en alto.

—A porta aberta! Abaixo a represión! Hai que partir o vidro! —arenguei e petei sen petar na frialdade lisa de espello, reflectíndome, nin rozala, graciñas miñas de ás veces para quebrar momentos solemnes ou xeos.

Quebráronse mesmo as vontades fráxiles. Apenas dera media volta, camiño do meu canto, cando sentín o estralo e o tintineo conseguinte dos vidros batendo no chan, e eu perplexamente desconcertada aprendín a lección sen aulas: nunca máis me erixín en manipuladora de masas cincentas descerebradas.


Quen eu son: Corpo feito de palabras ou memoria para un futuro escaso. Traduzo, corrixo en horas laborais, e nas vagas vomito o pudor e o pánico polos dedos para non esquecer que vivín tantos días a máis.

María Alonso Seisdedos ou, ás veces, Sun Iou Miou



A imaxe foi tomada de shorpy.com
Ler todo o microQonto...

martes, 1 de diciembre de 2009

microQonto · A espera (Ana Isabel conde)

Soamente lle quedaba unha cousa por facer… esperar. A espera sería longa de máis se non fose porque esa era a súa única esperanza… que quedaran momentos de espera. Namentres esperaba, unha vez máis, os seus recordos invadían os pensamentos e invadían a súa alma, parecía adormecido pero en realidade era naqueles intres cando máis lonxe viaxaba, cando máis lugares e máis rápido visitaba, cando máis áxil e novo se sentía, e sen dúbida cando máis poderoso era, xa que ninguén podía entremeterse nese mundo interior porque a ninguén máis cá el lle correspondía.

Esta vez viaxou moito tempo atrás, e o que máis lle agradaba era que todos os malos recordos quedaran adormecidos e o único no que podía pensar era no momento exacto no que a mirou por primeira vez: Aínda era un neno de dezaseis anos que estaba canso de traballar a terra co seu pai nun día de calor extrema, e baixou rapidamente a botar un grolo na fonte e a mollar o pano que levaba na cabeza antes de seguir coa súa tarefa, esvaraba pola terra agarrándose forte ás ramas dos vimbios e ós troncos das árbores que sombreaban o regato e cando estaba chegando abaixo escoitou unhas voces que o fixeron deterse á vez que perdía o equilibrio ata caer de cu, entón escoitou unha estrondosa gargallada, que para el durou unha hora cando menos, porque mentres ese son non deixaba de soar, os seus ollos quedaron inmóbiles coma se tivese unha aparición divina, ó lado daquela gran muller había unha fermosa rapaza cun sorriso contido, e un recollido do cal ese rebelde cabelo negro parecía escapar deixando caer un mechón de pelo mollado diante dos ollos e lixeiramente inclinada hacia diante deixando entre ver un sedutor escote. Sen deixar de fregar a roupa contra a pedra ningunha das dúas femias e cando conseguiu parar de rir lle di a máis experta:- Anda rapaz levántate de aí que vas quedar durmido, e móllate un pouco esa cabeza non vaia ser o conto que teñamos que chamar ó médico, tes esa cara que parece a dun cangrexo, e inmediatamente volveu botar outra longa gargallada. Manuel non o pensou dúas veces, levantouse coma se tivese un gran pincho no traseiro e coa cabeza gacha e sumamente avergoñado dixo:- boas tardes. E se refrescou incomodamente sen deixar de percibir unha sensación nova, desconcéntrante á vez que agradábel, que lle facía sentirse coma un mísero chícharo fervendo nunha tarteira no día do Nadal.

Os dous estaban preparados para este momento, nunca o falaron claramente, porque non facía falla, só o sabían, nada se podían ocultar despois de tantos anos, e tiñan claro que fose quen se fose primeiro, ningún dos dous quedaría so, porque xa eran os dous un, e pouco importaba o que o médico lle dixera cando atravesase esa porta, non había nada…nada… tan verdadeiramente importante coma, o amor e o respeto, a axuda e a confianza que durante toda a vida se demostraron o un ó outro, e a unión invisible que os fixo sentirse íntima e imperceptiblemente unidos por ende xamais, nin sequera neste caso a morte podía ter tanto valor, non era suficientemente forte…e el só esperaba, como ía a seguir facendo despois…




Ani: encántame escribir historias que claro...diríamos que son inventadas, pero non de todo, máis ben lle poño palabras ó que me fai sentir algo ou alguén, e certamente encántame sentir, fai que me dea conta de que estou viva.


A imaxe foi tomada de shorpy.com
Ler todo o microQonto...

lunes, 30 de noviembre de 2009

microQonto · Recordos (Andrea García Vilas)

Era o verán máis caloroso que recordaba na miña vida.

Non estaba alí por propia vontade, pero non tiña outro remedio. O meu nome é Carlota, e teño dezaseis anos.

Corría o verán do corenta e sete, o meu pai era patrón de barco, e facía meses que non o vía, miña nai máis eu vivíamos en Vigo, nun modesto piso, preto do Berbés.

Agora estou en Madrid.

O barco do meu pai nunca voltou á casa, moitos dicían que os tripulantes fuxiran a América, en busca dunha vida máis digna. Eu non o quería crer, prefería pensar que morrera. Miña nai non podía manternos ás dúas, polo menos temporalmente, así que despois de falalo moito decidimos que o mellor sería que eu fora vivir cos meus primos a Madrid, mentres ela trataba de atopar un bo traballo… ou un bo marido.

Aínda recordo o meu primeiro día en Madrid, cheguei tras oito horas de autobús, a estación era un barullo de xente que ía e viña, con maletas grandes coma baúis, mentres que eu permanecía queda, nunha esquina agardando a que a miña tía María se dignara a vir.

Non coñecía moi ben á tía María, tan só de cando era moi pequena, e o recordo é vago. Pero algo que si tiña gravado na miña memoria, mellor dito, na miña pituitaria, era o forte perfume floral que utilizaba. Como posuída por unha actriz mediocre de Hollywood María apareceu entre a multitude.

- ¡Carlota! - Berrou colléndome polos ombreiros.- Madre mía, estás moi medrada, ¿Cantos anos tes? ¿Dezanove?

- Dezaseis. - Respondín cun sorriso finxido.

- ¡Vaites! E dime, ¿Terás mozo, non si? Con esa cinturiña.

- Non, polo de agora non teño mozo. - Respondín diplomática.

- Pois tes que cazar un, a carne non é sempre xoven. - Tratou de facer unha broma. - Alfonso está a esperar co coche, imos aló.

Xenial, non só estaba a centos de kilómetros da miña casa, dos meus amigos, da miña nai, senón que tiña que aguantar a unha corentona metomentodo incapaz de pecha-la boca. Aquilo prometía.

- ¡Boas! - Saudou Alfonso mentres me sentaba naquel pequeno seiscentos.

- Boas, - Respondín. - ¿Qué tal todo?

- Moi ben ruliña, e na Galiza ¿que tal? ¿Segue tan mal?

- Agora están a vir empresas catalanas, dan moitos empregos.

O tío Alfonso era unha persoa encantadora, non comprendía cómo puidera rematar casado cunha muller coma María, eran polos opostos. Alfonso era o primo da miña nai, e cando chegou a depresión a Galiza marchou cos seus irmáns a vivir a Madrid, e alí casou con María, que era viúva e xa tiña dous fillos, Nuria e Marcos. É filla duns empresarios levantinos. Eu creo que todo foi unha cuestión económica.

O tío Alfonso máis eu estivemos falando un bo rato sobre os últimos acontecementos, mentres nos mezclábamos no caótico tráfico madrileño. María limitabase a retocar a súa maquillaxe no espelliño do automóbil.

- Pois Nuria está desexando verte. - Comentou o tío. - Non parou de preguntar que cando viña a marabillosa prima galega. - Riu.

- Supoño que Marcos non preguntou por mi. - Bromeei.

- ¡De pequenos levábadesvos coma o can e o gato! !Normal que non preguntase por ti! ¡Tiráchelo dende o embarcadoiro!

- ¡Pero merecíao! - Defendinme.

- Creo que fuches a única rapaza quen de poñelo no seu sitio, - Riu. - agora non quere saber nada das galegas.

- Nin as galegas de el.

A familia dos meus tíos vivía no barrio de Salamanca, un barrio ben acomodado, non moi lonxe do centro da cidade.

Nuria recibiume cunha grande aperta. Era a filla pequena, tiña catorce anos, era loura coma a súa nai, e cos ollos grandes e castaños.

- Ensinareite a nosa habitación. - Dixo guiándome polo piso. - Fíxenche un oco no armario.

Mostroume o pequeno recuncho que había no armario, orgullosa do seu labor.

O resto da tarde pasámola mirando a televisión, nin sequera recordo o que botaban nese momento, estaba tan cansa que dábame igual.

A hora da cea chegou Marcos. Chegou co seu aire irreverente, despreocupado, propio dun estudiante de vinte anos.

O reencontro foi máis ben frío, cortés, e mal finxida a alegría.

Os días seguintes careceron de emoción, polas tardes ía con Nuria e as súas amigas a pasear pola praza Maior, ou polo parque do Retiro. Eran boas rapazas, todas elas de familias importantes, nadas con sorte.

Unha tarde, pasadas xa varias semanas da miña chegada, despedímonos das mozas e fomos á facultade de periodismo, onde Marcos estudiaba. María pedíranos que lle levásemos uns apuntes que esquecera na casa. Eran case as seis, e o máis probable era que el estivera alí, na porta do impoñente edificio. Camiñabamos lentamente, Nuria levaba a carpeta cos apuntes.

- ¿Carlota, podes levarllos ti?

- ¿Eu? ¿Por qué?

- É que dáme vergoña, ademais así xa vou indo cara a casa de Marta, que quedei con ela, e voulle chegar tarde.

- De acordo…

Nuria deume os apuntes e marchou a fume de carozo. ¡Xa que quedara con Marta! ¡Vaia trola!

Achegueime á porta da facultade, alí estaba Marcos, cos seus amigos. Ningún era especialmente guapo, todos tiñan esa pinta de intelectuais, coma ratos de biblioteca.

- Aquí tes, Marcos. - Dixen, cargándolle coas carpetas.

- ¡Grazas! ¿Cómo te lembrastes?

- Díxomo María, - Respondín áspera. - vémonos na cea.

- Vaites, ¿é a túa moza? - Dixo una voz as miñas costas. Vireime ofendida.

- Non, é a miña primastra, Carlota, el é Víctor Gutiérrez. - Respondeu Marcos molesto.

- Encantado señorita. - Respondeu este galán.

- Igualmente. - Respondín co meu mellor sorriso. Ó fin atopara un home decente entre tanta xente. Alto, moreno, ollos verdes, e cun encanto magnífico.

- ¿E vas quedar moito tempo?

- Todo o verán, seguramente. Estou na casa de Marcos. - ¡Madre mía! ¿Podería haberme saído mellor o día?

- É tarde, temos que marchar. - Cortou Marcos, tan inoportuno coma de costume.

- Moi ben, espero verte en breves, Carlota. - Dito isto, dedicoume un fermoso sorriso.

- Adeus.

Marcos máis eu botamos a camiñar, mentres, eu non paraba de pensar nos últimos dez minutos da miña vida, Víctor Gutiérrez… gustábame ese mozo.

- O neno este… Víctor… ¿estudia contigo?

- Si, e non cho recomendo, é mellor que non te achegues moito a el.

- ¿Perdón?

- Non é unha boa compañía, ten a tódalas rapazas pegadas a súas saias, como gatas en celo.

- ¿E crees que son como as demais? - Respondín ofendida. - E polo de agora é el quen está pegado as miñas saias.

- Non te achegues a el. - Ameazoume.

- ¿Senón que farás? - Dixen maliciosamente. - ¿Non estarás celoso?

- Máis quixeras.

Marcos mirábame con rabia, mentres dos seus ollos amendoados saía un destello estraño. Mireino pícara, divertida das súas dúbidas.

Os días seguintes Víctor chamoume á casa, e falamos largo e tendido. Finalmente quedei con el unha tarde, iríamos ó zoo.

Visitamos ós tigres, e vimos coma un coidador dáballe de beber ó elefante, aquel caloroso día de verán. Invitoume a un xeado, e logo fomos ó Parque do Retiro.

Alugamos unha barca, el remaba, mentres eu observaba divertida os seus esforzos para impresionarme. Paramos no medio do lago.

- Espero que a tarde fora do teu gusto.

- Claro que si. - Respondín leda.

- A min só me faltou unha cousa. - Dixo achegándose moito a min.

- Pois mira que a min non. - Respondín apartándome. - Foi marabilloso, un pracer, ¿que tal si regresamos?

- Como queiras, pero antes; a recompensa. - Dixo poñendo morros de porco.

- Lévame ó embarcadoiro.

- Hai un prezo. - Insistiu.

- Caro o vas pagar se non me levas de volta. - Aquel tipo empezaba a molestarme de veras. - Lévame.

- Non.

Tratei de coller un dos remos, pero el xa os tiña ben agarrados.

- Só un bico. - Dixo.

- Nos teus soños, ¡lévame de volta xa!

- Aquí nos quedamos. - Dixo recostándose. - Non tes outro modo de volver.

Recollín un pouco a saia do vestido e erguinme.

- ¿Qué…?

Non lle din tempo a rematar a frase, saltei da barca e caín estrepitosamente a auga. Sei nadar moi ben, así que paseniño comecei nadar cara terra firme, baixo a mirada atónita dalgúns navegantes. Unha barca atravesóuseme en medio, a punto estiven de chocar contra ela.

- ¡Máis coidado! - Berrei furiosa.

- ¿Lévote?

Marcos tendíame amablemente a man.

Axudoume subir, e logo fomos á terra, deixamos a barca e sentamos baixo unha árbore. Púxenme o seu carón, tiña un frío terrible, Marcos notou como tremía e tapoume coa súa chaqueta.

- ¿Por qué estabas aquí? ¿Casualidade? - Preguntei confusa.

- Tiña medo de que foran mal as cousas, es estaba aquí por si me precisabas.

- Grazas, moitas grazas.

- Non ai de que, ¿senón para que están os amigos?

- Hoxe necesitábate de verdade…

Puxen a cabeza no seu ombro, e el bordeoume cos seus brazos, a xente pasaba e nos miraba, mentres eu me tranquilizaba, mexida pola súa respiración.

Dende aquilo todo cambiou, Marcos máis eu eramos inseparables, recuperáramos a amizade que nunca tiveramos.

Xa pasara unha semana dende o sucedido, Nuria lía e eu estaba sentada na cadeira do escritorio, mirando pola fiestra.

- Carlota… Nos non somos primas de sangue ¿non?

- Non.. ¿por? - A pregunta mosqueábame.

- Por saber…

- Ah.

- Así que se ti tiveras un irmán e eu estivera namorada del non pasaría nada ¿non? - Aquela pregunta ía con segundas, con malicia.

Erguinme e marchei da habitación.

¿Namorado? ¿Quen de quen? Esa era a pregunta.

Ía cara o salón cando topei co resto da familia reunida.

- Ven Carlota, hai unha boa nova. - Dixo María.

- ¿Cal?

- Marcho. - Respondeu Marcos.

O sangue xeóuseme. Mentres Marcos estaba alí, de pé, mirándome, non sei moi ben cómo, se pedíndome perdón por irse, o simplemente sentía bagoa de min.

- Vai estudiar a Barcelona. - Sorriu Alfonso orgulloso. - Alí farase un home.

- A ver se atopa unha boa moza con quen sentar cabeza. - Riu Nuria ás miñas costas.

- Enhoraboa. - Foi o único que puiden articular.

María esmerouse coa cea de despedida, pois á mañá Marcos partiría cedo. Comemos en silencio, mentres Marcos máis eu intercambiábamos miradas furtivas.

Recollín a mesa e fun lava-la louza.

- ¿Qué che parece que me vaia?

- Xenial, se é o que queres. Nada te retén aquí.

- Botareite de menos, pero de todas formas ti terías que volver a Galiza algún día.

- Si, pero non da noite para a mañá.

- Estás cabreada.

- Non o estou, non teño razóns.

- ¿Queres dicirme algo?

- Si, - A miña cabeza non paraba de berrar palabras sen sentido, cargadas de odio, de confusión. - síntome agora moito mellor que te estás indo para sempre.

A súa expresión cambiou por completo, eso non era o que esperaba oír. Pero eu non estaba alí para darlle a satisfacción de admitir que o quería, mentres el abandonábame.

Foise pola mañá, mentres eu quedaba esperta na cama, cos ollos vermellos de tanto chorar.

Os anos pasan, agora todo está máis claro. Pero aínda así, cando non atopo apoio recordo aquela tarde no parque, porque as veces, prefiro vivir de recordos.



Andrea García naceu en Vigo en 1994. Sempre gustou moito de escribir, dende cativa.


A imaxe foi tomada de shorpy.com
Ler todo o microQonto...

martes, 24 de noviembre de 2009

microQonto · Violín queimado (Fran Castiñeira)

Toca unha triste, Negro

Son o negro que tocaba o violín no bar dos brancos. O único preto que entraba alí. Gañábanse boas propinas, convidaban a copas. Este non é lugar para negros, dicían algúns. Déixao, que é o negro do violín, contestaban outros. Mais o que tocaba ben era o meu irmán Joshua. É o mozo de diante, na foto.

Eu víame cunha rapaza branca. Un día víronme, levaba de casualidade o violín do meu irmán, nin sequera sabía tocalo. Os do bar colleron a Joshua ó día seguinte e pendurárono dunha árbore. Polo violín. Houben de ser eu. Tódolos negros se asemellan.

Toca unha de amor, Negro.

Aprendín a tocar. Eu son o que está detrás de Joshua, borroso.

E toquei unha de amor. Logo deixei o violín na barra e saín do bar. Atranquei as portas e prendinlle lume, todos arderon. Sentíase a cantiga, Joshua tocaba dentro, el argallara todo.

Atoparon o violín queimado e déronme por morto. Fuxín.

Non había cámaras naquel lugar e naquel tempo. E agora vexo nunha pantalla esta foto. Joshua e mais eu de rapaz, detrás. E o vello de diante tamén son eu, agora, é coma un espello. Toco para eles, para nós.

Toca unha de bailar, Negro.

E collo o violín e toco e bailo, amosando os dentes.






Nacín nun sitio frío e fun parar a un sitio frío. E non me queixo. O verdadeiro frío é outra cousa.
Nacín na Suíza francófona no ano do punk, o 77. Os meus pais, emigrantes de Laxe, recapacitaron e liscaron axiña para A Coruña, onde me criei. Tras recalar con desigual fortuna en Compostela e Uviéu ando a abrigarme da neve xa vai para tres anos na fermosa cidade bávara de Regensburg, Ratisbona para nós os latinos. Gáñome as lentellas como Técnico de Laboratorio, e non hai grande queixa. Solteiro, sen fillos e cun afillado que berra onde tas padino polo teléfono. Un ceo. Fago de menos o mar, pelexo coa morriña e gústame pisar a neve cunhas boas botas.


Por Francisco Castiñeira
Mr Tichborne


A imaxe foi tomada de shorpy.com
Ler todo o microQonto...

lunes, 23 de noviembre de 2009

microQonto - A Aprendiz de Xastre (Yolanda Fernández)

Namentres aprendía a coser con aqueles pequenos panos feitos de retais, non podía deixar de pensar no que lle agardaba ao volver á casa.

Unha vez máis vírase obrigada a fuxir pola fiestra do cuarto onde seu pai a encerraba. O home consideraba que a súas fillas non precisaban aprender oficio ningún fóra da casa, el só se valía para lles aprender todo o que unha muller precisaba saber: "coller unha vasoira e muxir a vaca."



A imaxe foi tomada de shorpy.com
Ler todo o microQonto...

martes, 17 de noviembre de 2009

microQonto · Henriette (Laura Sáez)

Henriette deixa estar a criatura. ho! Que xa imos tarde pa misa. Sempre te pos con estas cousas a última hora, toda a mañá a papar moscas e agora dáche por poñerte a cachar toda canta animalada corre pola casa. Deixa estar, ho, amais, por moito que o collas haiche ben deles, que iso éche polas patacas do teu avó. E mira que lle digo que non as garde aí pa secar, que ven toda canta alemaña hai por conta delas, pero claro, ben o coñeces, que é un terco, que non hai quen lle faga cambiar de idea. Henriette, ho, que te estás poñendo feita un desastre, ho, mira pas medias todas cheas de terra. E mira que lle digo que aí no soto non se pode gardar nada, que ata que non veña o Johan, o dos Lowicz a amañar eses furados non vai quedar pataca enteira, pero nada. Pero Henriette, filla, apura, que imos tarde!

Ai, que paciencia!




Ler todo o microQonto...

martes, 6 de octubre de 2009

Pechado o cupo!!


O cupo para participar no I Certame de MicroQontoS está completo. O certo e que a convocatoria superou todas as expectativas que Proxecto-Q tiña no proxecto. De primeiras agardabamos que participasen 4 ou 5 amigos e divertirnos un cacho. Actualmente supérase a vintena de participantes. Polo tanto, por unha cuestión de existencias, vémonos obrigados a pechar momentáneamente o cupo de participantes (non vaia ser que logho nos denuncien ante a Oficina do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos por non haber agasallos suficientes).

A experiencia está a ser do máis positiva. Enriquecedora. Nos próximos días comezarán a aparecer os microQontos por estes lares. Ler todo o microQonto...

miércoles, 23 de septiembre de 2009

A INICIATIVA


Esta iniciativa xorde da necesidade. A necesidade de crer na nosa cultura. Unha necesidade de entender a nosa pequenez como un feito grande que nos fai valiosos.

A nosa cultura é cativa. Así o considera o noso máximo responsable (¿ou sendo cativa habería que dicir mínimo responsable?). É por iso que nos, pequenos como somos, debemos asumir esa condición mínima sen complexos e con orgullo, porque como cultura cativa facemos moito e ben. Non termos unha British Academy permítenos certa liberdade de acción, innovación e orixinalidade. E, sobre todo, permítenos, como culturiña que somos, achegar moitas cousiñas fermosas, cativeces que supoñan pequenos proxectos. Porque todo suma.

É por isto que o Proxecto-Q quere sumar, e traer pingas, mínimas iniciativas de creación que axuden dun xeito pequeniño a esta nosa culturiña que é tan tan pequena que ás veces semella grande.

Dende o Proxecto-Q convócase, polo tanto, o primeiro certame de MicroQontoS en colaboración con O sorriso Felino.
Ler todo o microQonto...