miércoles, 23 de diciembre de 2009

microQonto · Border (Francisco López Salmerón)

...Aínda sinto o renxer da madeira e o asubío do vento anunciando o temporal antes de resgardármonos no soto, coma entón. E o cheiro, o fedor da humidade. A guerra coóusenos na vida como por unha porta abarculada entre a luz do verán a media tarde, cegándonos os ollos.
Meu pai nunca deixou recompor unha soa táboa daquela casa. Raquel, miña irmá máis nova, e mais eu, medramos coa ferida do sensentido aberta para sempre até que puidemos marchar, fuxindo dese tempo, da casa e de meu pai, ancorado para sempre naquel buraco da memoria por onde, antes ca nós, fuxira a miña nai e, moito antes, todas as ilusións que algún dia tiveran, as que nunca sentimos...


Francisco López Salmerón
"Gosto de escribir e escribo, entrei un dia nun blog dunha amiga e agora ando todo o tempo a matutar sobre como alimentar este bicho. Ten que ser un vicio, ten que ser, pero agradable, como outros moitos que me veñen a boca neste mesmo instante. Dedíco máis de media vida a ver, a outra media vaiseme entre dormir e tentar reflexar o que vexo."




A imaxe foi tomada de shorpy.com
Ler todo o microQonto...

miércoles, 2 de diciembre de 2009

microQonto · Os nove segundos en que fun líder de masas (María Alonso Seisdedos)

Noutrora os días corrían nunha andadura de trote, non coma estes do meu hogano, que rin do galopar en queixada arregañada, máis de ás estendidas en modalidade de caza bombardeiro, fulminantes. Entón como agora, iso si, era eu de mallar camiños despexados, seguido, nada de conformar vulto de multitudes, sempre á procura do ángulo que permitise a perspectiva e a distancia: ver de lonxe, tocar nada. Despois de estudar nun colexio mixto, chegou o tempo de ser grande sen potestade en decisións. Aí entrei no instituto feminino por taxativa orde, meus pais en confabulación cos veciños, que tiñan unha filla do meu tempo, que así seriamos amigas, inpersuadíronme, podiamos ir e vir xuntas. Conclusión: nunca lle falei, menos a acompañei nos pasos; tamén non me lembra o nome, tal foi a teimosía con que a neguei, nin lle dando de ar aparencia, nada. Rillábame a rabia sabéndome separada dos compañeiros todos da infancia: dez anos de vida enteira son para expulsalos do maxín desrazoadamente? Non deberan. Pois dos catorce que chegaramos en piña até o oitavo da Básica, eu era a única que ía desterrada para o imperio das bragas. En vinganza, desentendinme da matrícula, tren de verán á meseta e meu tío recolléndome na estación de Medina del Campo, el recitando ao volante os nomes dos lugares todos, de cor, para min quilómetros que nunca terminaban, e cantándomos a dúo de disco riscado porquenongrasolosejes... En troques, miña nai, debruzada sobre o impreso, Cross dourado de punta media (azul) na man, agasalloume na elección da única optativa, marcando ben o x no cadro de dibujo, qué nin mis labores nin que tal tarabelo a estas alturas de século!

Pero chegar, chegou o outono, tróuxome o tren de volta, e non quedou outra. Atravesei a porta de vidro, que as nove en punto quedaba trancada até a hora da saída, e sobrevín até ao medio día, sinal de que non se morre por capricho, senón polas circunstancias. Por exemplo, de alí a dous meses, morreu de morte morrida o guicho que saía no NODO con voz de pito inaugurando pantanos, por máis que algúns o entubaron e xa, no rigor mortis, pretenderon mantelo embalsamalo coa man en alto dacabalo no ventimperio das prazas. Non é nimio este pormenor do morto, que viviu matando na realidade del, entanto outros en soños o mataban, no caso que vin para contar: a revolución pequena de tons políticos e hormonas á solta, a causa última. Pois como digo e repito para mentes amoucadas que desatenden sutilidades, no instituto feminino a porta barrábase e trancábase dando as nove cero cero, que non había alumna viva que saíse de alí até a unha e media, fóra caso grave propio ou alleo debidamente xustificado. E outro tanto á tarde, só variando o fechar e abrir na numeración das horas. Deducíase de aí agravio comparativo co colindante centro, o instituto masculino, que ninguén diría que tiña portas, os rapaces entraban e saían no recreo coma moscas, ao albedrío deles, e nós a chinar desde a vidrada, embazándoa, nun disimular de babas e quen puidera.

Pero chegar, chegou tamén a primavera. Alteráronse na desmedida exacta os estróxenos —isto é, rebordantes— e acirrouse unha revolta, a lume lento, bulideiro, no remusmús de falares calados, que nin se prevían zapatófonos de dominio público e popular a curto nin medio prazo, tanto menos esemeseando os dedos. E houbo xuntanza no vestíbulo, balbordo de opinións tras as mans que pedían vez, as aulas baleiras e os pupitres no seu sitio, coma petos, forretas no bater das tapas, calados.

—A porta aberta! —berrabamos a consigna, coro de adolescencia en timbre soprano—. Abaixo a represión!

Catedráticas e catedráticos en severa mirada e persignados peitos, os penenes aplaudindo o maio en abril demediado. Alborozo disfrazado en xesto ríspeto: a cousa era seria. Pero a porta non se abría e a asemblea proclamou unánime, reprobando as poucas voces contrarias, tan contrariadas: que ao día seguinte, na hora de entrada, non se entraba, nin tras as nove badaladas.

Aí xa logo logo veu a noite, que transcorreu escura coma calquera outra, pero esvarando por desvaríos: filas e filas de rapaces, atlético o porte e o músculo moldeado, de ás estendidas, digo brazos, para recibiren as raparigas liberadas, por fin, da tiranía, no día de autos... Seica se me cruzara no medio a imaxe conxelada dalgún filme de mariñeiros tristes, recrutados nos barrios da fame, a entrar polo rego da disciplina á morte pola patria de estómago, cando menos, satisfeito.

A mañá amenceu fresca, de ceo claro, e eu saín da casa camiño do instituto coa chaqueta de oitos azul escura que me calcetara miña nai, de lá suave que non picaba, os libros no portavultos da bici, fixíndose imprescindibles en día de folga programada, no seu papel de inxenuos. Arremuiñadas as raparigas fronte ao van das portas abertas, coraxe medrado na comuñón de grupo armándose, e non se entra, que non. Eu, nun aparte, contemplando a fotografia que ninguén tirou (total para que?, se nin o iutú existía). Tan, tan, tan... as badaladas no reloxo do Santirene acompasaban os latexos no peito de cadaquén, silencio mudísimo de expectación, dedos recluíndose en puños de puros nerviosss... as portas fechándose, inclementes, no tan derradeiro, nove cero cero.

—A porta aberta! —berrabamos a consigna, coro de adolescencia en timbre soprano—. Abaixo a represión! A porta aberta! Abaixo a represión! A porta aberta! Abaixo a represión!

Así como quecía a mañá quecía o ambiente, fervéndome na cabeza unha aduanada parva. ‘Perai aí, dixen, que ides ver. Quitei a chaqueta azul de oitos de lá suave que nin picaba e envurulleina arredor do brazo. Arrimeime ao coro de voces gritantes, abrinme paso serpeando o brazo envurullado en alto.

—A porta aberta! Abaixo a represión! Hai que partir o vidro! —arenguei e petei sen petar na frialdade lisa de espello, reflectíndome, nin rozala, graciñas miñas de ás veces para quebrar momentos solemnes ou xeos.

Quebráronse mesmo as vontades fráxiles. Apenas dera media volta, camiño do meu canto, cando sentín o estralo e o tintineo conseguinte dos vidros batendo no chan, e eu perplexamente desconcertada aprendín a lección sen aulas: nunca máis me erixín en manipuladora de masas cincentas descerebradas.


Quen eu son: Corpo feito de palabras ou memoria para un futuro escaso. Traduzo, corrixo en horas laborais, e nas vagas vomito o pudor e o pánico polos dedos para non esquecer que vivín tantos días a máis.

María Alonso Seisdedos ou, ás veces, Sun Iou Miou



A imaxe foi tomada de shorpy.com
Ler todo o microQonto...

martes, 1 de diciembre de 2009

microQonto · A espera (Ana Isabel conde)

Soamente lle quedaba unha cousa por facer… esperar. A espera sería longa de máis se non fose porque esa era a súa única esperanza… que quedaran momentos de espera. Namentres esperaba, unha vez máis, os seus recordos invadían os pensamentos e invadían a súa alma, parecía adormecido pero en realidade era naqueles intres cando máis lonxe viaxaba, cando máis lugares e máis rápido visitaba, cando máis áxil e novo se sentía, e sen dúbida cando máis poderoso era, xa que ninguén podía entremeterse nese mundo interior porque a ninguén máis cá el lle correspondía.

Esta vez viaxou moito tempo atrás, e o que máis lle agradaba era que todos os malos recordos quedaran adormecidos e o único no que podía pensar era no momento exacto no que a mirou por primeira vez: Aínda era un neno de dezaseis anos que estaba canso de traballar a terra co seu pai nun día de calor extrema, e baixou rapidamente a botar un grolo na fonte e a mollar o pano que levaba na cabeza antes de seguir coa súa tarefa, esvaraba pola terra agarrándose forte ás ramas dos vimbios e ós troncos das árbores que sombreaban o regato e cando estaba chegando abaixo escoitou unhas voces que o fixeron deterse á vez que perdía o equilibrio ata caer de cu, entón escoitou unha estrondosa gargallada, que para el durou unha hora cando menos, porque mentres ese son non deixaba de soar, os seus ollos quedaron inmóbiles coma se tivese unha aparición divina, ó lado daquela gran muller había unha fermosa rapaza cun sorriso contido, e un recollido do cal ese rebelde cabelo negro parecía escapar deixando caer un mechón de pelo mollado diante dos ollos e lixeiramente inclinada hacia diante deixando entre ver un sedutor escote. Sen deixar de fregar a roupa contra a pedra ningunha das dúas femias e cando conseguiu parar de rir lle di a máis experta:- Anda rapaz levántate de aí que vas quedar durmido, e móllate un pouco esa cabeza non vaia ser o conto que teñamos que chamar ó médico, tes esa cara que parece a dun cangrexo, e inmediatamente volveu botar outra longa gargallada. Manuel non o pensou dúas veces, levantouse coma se tivese un gran pincho no traseiro e coa cabeza gacha e sumamente avergoñado dixo:- boas tardes. E se refrescou incomodamente sen deixar de percibir unha sensación nova, desconcéntrante á vez que agradábel, que lle facía sentirse coma un mísero chícharo fervendo nunha tarteira no día do Nadal.

Os dous estaban preparados para este momento, nunca o falaron claramente, porque non facía falla, só o sabían, nada se podían ocultar despois de tantos anos, e tiñan claro que fose quen se fose primeiro, ningún dos dous quedaría so, porque xa eran os dous un, e pouco importaba o que o médico lle dixera cando atravesase esa porta, non había nada…nada… tan verdadeiramente importante coma, o amor e o respeto, a axuda e a confianza que durante toda a vida se demostraron o un ó outro, e a unión invisible que os fixo sentirse íntima e imperceptiblemente unidos por ende xamais, nin sequera neste caso a morte podía ter tanto valor, non era suficientemente forte…e el só esperaba, como ía a seguir facendo despois…




Ani: encántame escribir historias que claro...diríamos que son inventadas, pero non de todo, máis ben lle poño palabras ó que me fai sentir algo ou alguén, e certamente encántame sentir, fai que me dea conta de que estou viva.


A imaxe foi tomada de shorpy.com
Ler todo o microQonto...