viernes, 22 de enero de 2010

microQonto · They’re all mad there (Iria Castro)


O tempo non existe. O espazo non importa. Nunha especie de carpa pechada colga unha bombilla. Suxa e bamboleante. Comeza a sonar unha canción.

Hang me in a bottle like a cat....

A voz que soa é tan farrapenta e rota coma as dúas personaxes que fan a súa aparición. Dous paiasos. Están desconcertados. Non saben como apareceron aí, pero saben o que viñeron facer. A súa roupa xa pasou por miles de mans. E nas súas caras hai barba de varios anos. Non hai público, é unha función de sicofonías. E loitan por ver cal dos dous é máis pícaro.

And your big expensive face will never last...

Ambos comezan a facer espectáculo. O máis longo sorrí amplamente e a súa cara reflexa desesperación, mira para os laterais, pero non hai ninguén que o poida salvar. E logo mira para o pequeno, que toca o trombón dun xeito lúgubre. Diríxese cara a el, o outro retrocede. Comezan a perseguirse. Non hai saída da carpa. E o trombón acompaña á estraña canción que soa. Ambos teñen unha se decatan de que a música non é un simple acompañamento. O do chapeu golpea co trombón ó longo, que xira sobre si mesmo dando dúas voltas. Logo cae sobre si mesmo e intenta conseguir rostros de complicidade. O único que obtén do inexistente público é o baleiro, nin silencio hai. E a música segue a sonar:

And you’ll die with the rose still on your lips...

Ambos comezan a suar. E saben que non poden permitilo, ou a maquillaxe correrá por eles abaixo coas pingas de suor. Séntanse e o longo conta chistes mentres o pequeno tenta facerlle unha especie de banda sonora. Se tivesen público de seguro se estaría rindo. Pero non o hai. E saben que a canción non tardará moito en rematar. As sicofonías van en aumento. E a voz rouca tamén.

Saben que a función vai rematar en calquera momento e igual de desconcertados que chegaron, prepáranse a marchar. A música comeza a baixar o volume, pero as sicofonías seguen aí.

...And the shore of your face will turn to bone.

----
Para crear a atmosfera na que me inspirei, prégase (se se pode) escoitar unha canción de Tom Waits (We’re all mad here) ó ler o conto.

Erase unha vez unha rapaza a un mp3 pegada e a un boligrafo de propaganda aferrada. Gosta de escribir en calquera papel en branco ou escrito, de devorar libros, de escoitar música impulsivamente e de viaxar. Gosta tanto de viaxar que marchou coñecer mundo. Agora mesmo vive en Polonia, onde pasa frío e dende onde escribiu as verbas que agora ledes. Pero na Galiza repártese entre Lugo, terra natal onde apaña castañas de moi boa gana, e Vigo, terra estudantil onde busca xeitos de traducir letras ó galego.

A imaxe foi tomada de shorpy.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario