martes, 23 de marzo de 2010

microQonto · Corcosidas (Teresa Barberena)



Amelia pasou corenta anos coas mesmas medias. Mercárallas a súa nai nunha feira. “Son para que leves a diario” – díxolle súa nai cando llas deu o día que a rapaza comezou a traballar nunha tenda de moda. ‘Por diario’, a súa nai, referíase a tódolos días da súa vida. Así que Amelia levounas durante corenta anos. Andaba con elas para arriba e para abaixo. Iso, sí, lavándoas todos os sábados pola mañá, relixiosamente. Claro con tanto uso as medias, romper, romperon centos de veces. Mais a súa nai corcosíallas e corcosíallas polas noites, unha e outra vez. “Non gastes filliña, que a vida está moi mala!” – dicíalle. Mais, tanto corcoser e corcoser, as medias ían minguando. Ían quedando tan pequenas que a Amelia case non podía respirar ao poñelas. Ela tiña pánico de pensar que un día as medias estoupasen e ela puidese quedar medio núa na rúa. A pobriña non tivo sorte xa que tan ben as corcorsía súa nai que xamais estouparon. Mais o que sí pasou foi que acabaron por afogala. Agora Amelia e as súas medias descansan, por fin, en paz no camposanto.


Son un bule-bule, un cú inquedo, paso o día dun lado ao outro intentando non perderme nada da vida. Non obstante, cando realmente me sinto viva é diante do papel en branco, construindo personaxes que me serven de segunda pel.

-Teresa Barberena-


A imaxe foi tomada de shorpy.com
Ler todo o microQonto...

lunes, 15 de marzo de 2010

microQonto · Luseslinda, Daisy (Manuel Candelas)



Non son eu. Por moito que mo digas. Nunca estiven aí. Nunca puiden marcharme, porque eu nunca estiven aí. Nunca estiven en Maryland. Non sei quen cho puido dicir. Non coñezo a ningunha Peggy. Xa cho dixen. Por que, para que che mentir? Estás de veras moi linda, Daisy.



Teño zuna de me morder as unllas se non fago algo. Escribo porque non sei facer outra cousa. Ás veces cambio as bombillas ou levo o coche a lavar. Aínda sei facer ecuacións de segundo grao e creo que este ano os morangos chegaron demasiado cedo. Aproveito o recreo para poñer todo por escrito.



A imaxe foi tomada de shorpy.com
Ler todo o microQonto...

viernes, 5 de marzo de 2010

microQonto · O Atrezzista (Daniel Lavesedo)



Recoñecédesme? Son o de atrás, na esquerda. O que parés un vaqueiro ensinando o revólver. E non me digades que non sabedes quen é o do chaleque…Nelson Eddy!! Foi na rodaxe de Por unha presada de machacantes. Dávos a risa eh cabróns?? Fuxir de onde fuxín para rematar no cinema capitalista. De atrezzista. Eh? Si Si, tedes razón. Os estudios imitaban moito o campo de Candeán. A non ser polos paus da lus, eran fortes que non os deitaba un tornado…mirades que feitura?? O que si había era eucaliptos. Os moi ruíns xa estaban a Hollywood cando eu cheguei.



Daniel Lavesedo criouse no barrio do Pino pero agora dá para o entroido na aldea de Liméns. Químico sen exercicio e profesor de autoescola inactivo, dende cativo quixo tanto os libros que agora se dedica a maquetalos.



A imaxe foi tomada de shorpy.com
Ler todo o microQonto...